Thursday 02 de May de 2024

O Concello programa unha decena de propostas para desfrutar da maxia do Nadal en Neda


As cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos volverán percorrer todo o municipio os días 23 de decembro e 5 de xaneiro

A oferta de lecer municipal inclúe ademais obradoiros na biblioteca, a merenda da terceira idade ou a segunda San Silvestre

O Concello de Neda presenta a súa programación especial de Nadal na que, como sempre, os máis pequenos e pequenas da casa serán protagonistas. Con todo, o listado de propostas inclúe actividades para todos os públicos. En total, serán máis dunha decena de citas, entre as que destacan as cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos de Oriente que, un ano máis, tentarán cubrir todo o municipio.

A visita das SS MM aos centros educativos da localidade o xoves 21 de decembro marcarán o arranque das actividades. Será unha primeira toma de contacto co alumnado de infantil e primaria para lembrar, entre outras cousas, que terán á súa disposición na Casa da Cultura o Buzón Real.
Con todo, os días grandes para os nenos e nenas serán o sábado 23 de decembro e o venres 5 de xaneiro, xornadas nas que, respectivamente, as cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos percorrerán as rúas e camiños de Neda, buscando así que ningún cativo quede sen velos.

Está previsto que, como nos últimos anos, os desfiles se prolonguen durante horas. Nos dous casos, as comitivas arrancarán ás 10 horas da contorna da rúa Valle Inclán para iniciar un itinerario dunhas tres horas, con remate en Curros Enríquez. E tras un pequeno parón para recobrar forzas, retomarán o camiño sobre as 15 horas na Toeleira, finalizando a media tarde na Mourela do Medio. O Concello debullará días antes das cabalgatas horarios aproximados de paso polos distintos lugares das catro parroquias nedenses.

Tras o percorrido, terá lugar a recepción de Papá Noel aos nenos e nenas nedenses na Casa das Palmeiras (17.30 h), nun encontro no que haberá chocolate con churros para quen queira quecer o corpo. Pola súa banda, o encontro cos Reis Magos, a cita será no polideportivo do Roxal (18 h). Nos dous casos, haberá un pasarrúas para animar a achegarse.

Resto de actividades

O programa “Biblioteca do Nadal”, cos obradoiros “Un nadal creativo” (decoración da sala de lectura infantil, xoves 21, ás 17 h), “Un nadal de contos” (lectura dun título clásico do Nadal o martes 26, ás 11.30 h) e “Un nadal de postal” (deseño de tarxetas de felicitación do Aninovo o xoves 28, ás 11.30 h), completarán a oferta infantil.

Os maiores do municipio terán no centro cívico de Neda a súa propia celebración. A Merenda de Nadal da terceira idade, na que non faltarán o chocolate con churros, o roscón de reis, a música en directo, e máis o sorteo de agasallos, terá lugar o venres 22 de decembro, ás 18 horas.

E os máis deportistas da familia, terán o 31 de decembro, a partir das 10.30 horas, a oportunidade de despedir o 2023 correndo a II San Silvestre Concello de Neda, na con saída do polideportivo do Roxal. Unha proba pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e incluída no “IX Circuíto da Deputación da Coruña”. O prazo para inscribirse estará aberto ata as 23.59 do día 27, a través da web www.carreirasgalegas.gal.

Finalmente, está previsto que alumnado do IES Fernando Esquío volva montar o 3 de xaneiro pola mañá na Casa das Palmeiras o seu particular “Bazar” no que venderán distintos produtos (artesanía, doces, merchandising para recadar fondos para os viaxes de estudos a París e Atenas.